O Clúster da función loxística de Galicia participou activamente na Xuntanza de Clústeres celebrada en Santiago de Compostela, unha reunión de traballo organizada polo IGAPE, que reuniu aos principais clústeres industriais galegos. Durante a xornada, que tivo lugar no Hotel NH Collection, os representantes de cada clúster compartiron visións e propostas para impulsar o crecemento sostible e a innovación nos seus sectores.
A sesión, inaugurada pola Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou polo seu enfoque colaborativo, abordando temas esenciais para o desenvolvemento estratéxico, como o lanzamento dun novo instrumento de soporte e apoio específico para clústeres. Ademais, presentouse a Plataforma de Sostibilidade en Colaboración, un recurso que permitirá coordinar esforzos cara a prácticas empresariais sostibles e resilientes, fundamentais nun entorno de crecentes desafíos ambientais e loxísticos.
Para o Clúster, este encontro supuxo unha oportunidade clave para reforzar alianzas e explorar iniciativas conxuntas que fomenten a eficiencia e a sostibilidade nas cadeas de valor e o transporte. A colaboración entre clústeres é un paso fundamental cara a un tecido industrial galego máis robusto, conectado e preparado para o futuro.