Conclusións xerais do obradoiro
O obradoiro promovido polo Clúster da función loxística de Galicia e financiado polo IGAPE permitiu crear un espazo de reflexión, intercambio de coñecemento e colaboración entre empresas, entidades tecnolóxicas, administración pública e profesionais vinculados ao ecosistema loxístico galego.
As distintas sesións desenvolvidas puxeron de manifesto a necesidade de continuar avanzando na transformación dixital e sostible das cadeas loxísticas, así como na mellora da eficiencia operativa das organizacións mediante a incorporación de novas tecnoloxías, metodoloxías de mellora continua e ferramentas de análise e control.
A combinación de relatorios técnicos, casos prácticos, mesas de debate e dinámicas participativas permitiu abordar de maneira integral cuestións estratéxicas para o sector, favorecendo ademais a creación de novas relacións profesionais, o intercambio de experiencias e a identificación de oportunidades de cooperación futura entre empresas e entidades participantes.
O proxecto acadou unha elevada participación empresarial, reunindo un total de 38 empresas e entidades representativas dos ámbitos loxístico, industrial, tecnolóxico, formativo e institucional, consolidando o papel do Clúster como entidade dinamizadora da innovación colaborativa no sector loxístico galego.
Principais retos identificados
Ao longo das distintas sesións e workshops identificáronse varios retos prioritarios para a competitividade e transformación do sector loxístico:
- Necesidade de acelerar a dixitalización documental e avanzar na implantación efectiva do eCMR e doutros sistemas interoperables de documentación electrónica.
- Dificultades de integración tecnolóxica e interoperabilidade entre plataformas, sistemas de xestión e ferramentas empregadas polos distintos axentes da cadea loxística.
- Necesidade de mellorar a capacitación técnica e adaptación organizativa das empresas ante os novos procesos de automatización e transformación dixital.
- Incremento das esixencias normativas e de mercado vinculadas á sostibilidade, medición da pegada de carbono e transparencia ambiental.
- Necesidade de avanzar na implantación de metodoloxías de excelencia operacional orientadas á optimización de procesos, redución de desperdicios e mellora da eficiencia.
- Dificultades específicas das pequenas empresas e autónomos do sector para afrontar os custos e procesos de adaptación asociados á dixitalización e ás novas obrigas regulatorias.
- Necesidade de reforzar os espazos de cooperación empresarial e os mecanismos de transferencia de coñecemento entre empresas, administracións e entidades tecnolóxicas.
Propostas de acción e liñas de continuidade
Como resultado das dinámicas de traballo desenvolvidas durante o obradoiro identificáronse distintas propostas de actuación e posibles liñas de continuidade para futuras iniciativas impulsadas polo Clúster:
- Impulsar novos proxectos colaborativos orientados á dixitalización documental e interoperabilidade de sistemas no ámbito do transporte e a loxística.
- Desenvolver accións formativas e demostrativas relacionadas coa aplicación da intelixencia artificial, automatización e análise de datos ás operacións loxísticas.
- Promover ferramentas e recursos prácticos que faciliten ás empresas o cálculo e seguimento da pegada de carbono e a adaptación ás novas esixencias normativas en materia ambiental.
- Continuar xerando espazos de networking sectorial e dinámicas participativas orientadas á identificación de necesidades compartidas e oportunidades de cooperación.
- Favorecer a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos, entidades formativas e administración pública para impulsar iniciativas de innovación aplicada ao sector loxístico.
- Explorar futuras oportunidades de financiamento para proxectos colaborativos vinculados á transformación dixital, sostibilidade e excelencia operacional.
Documentación e materiais xerados
No marco do proxecto elaborouse diversa documentación técnica e divulgativa orientada á transferencia de coñecemento e comunicación de resultados, entre a que destacan:
- Documento “Principais oportunidades”, no que se sintetizan as conclusións obtidas durante os encontros e se realiza o contraste da vixencia dos retos e tendencias identificados previamente polo Clúster.
- Manual “Green Logistics Galicia”, orientado a facilitar ás empresas criterios metodolóxicos e orientacións prácticas para o cálculo das emisións asociadas ás operacións loxísticas.
- Dossier informativo de oportunidades de financiamento e recomendacións.
- Materiais de traballo empregados nas dinámicas Design Thinking e workshops colaborativos.
- Materiais gráficos, audiovisuais e divulgativos empregados na difusión do proxecto.
