O Clúster da función loxística de Galicia repetiu a súa presenza no Salón Internacional da Loxística (SIL) 2026, celebrado en Barcelona, cun stand propio que serviu como punto de encontro para empresas, operadores, institucións e profesionais do sector. No marco desta participación, a entidade organizou unha xornada de traballo centrada no impulso de novos servizos ferroviarios de mercadorías con orixe e destino en Galicia.
O encontro reuniu representantes empresariais, operadores ferroviarios, autoridades portuarias e administracións públicas co obxectivo de avanzar nunha estratexia compartida que permita converter o potencial existente en conexións ferroviarias estables, competitivas e adaptadas ás necesidades da industria galega.
Durante a sesión, o Clúster puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos para analizar tanto as infraestruturas dispoñibles como a demanda potencial de transporte ferroviario. Neste contexto, Rafael Bofill, de Miebach Consulting, presentou as principais conclusións do estudo elaborado pola consultora, que confirma a existencia de demanda suficiente para promover novos servizos ferroviarios de mercadorías desde Galicia e evidencia un crecente interese das empresas por incorporar o ferrocarril ás súas cadeas loxísticas.
O coñecemento do mercado adquirido a través destes estudos, unido ao contacto permanente que o Clúster mantén con cargadores, operadores, portos e plataformas loxísticas, está a permitir identificar oportunidades reais para o desenvolvemento de novos trens multicliente. A xornada serviu tamén para reforzar o papel do Clúster como axente dinamizador e facilitador entre todos os actores implicados, favorecendo a creación de masa crítica e a posta en marcha de novas conexións ferroviarias.
Outro dos aspectos destacados foi a colaboración que Galicia mantén co norte de Portugal e con Castela e León para identificar sinerxías loxísticas e promover servizos capaces de aproveitar os fluxos de mercadorías existentes entre estes territorios. Esta cooperación busca fortalecer a súa conexión cos principais corredores nacionais e internacionais e consolidar o posicionamento do noroeste peninsular dentro do Corredor Atlántico.
Ao longo da sesión tamén se abordou a necesidade de seguir avanzando na coordinación público-privada para acelerar o desenvolvemento ferroviario da rexión. Neste sentido, presentouse a futura creación dunha Oficina Técnica do Ferrocarril, unha ferramenta concebida para identificar oportunidades, acompañar ás empresas e facilitar a implantación de novos servizos ferroviarios.
A participación no SIL 2026 permitiu ao Clúster visibilizar o potencial loxístico galego nun dos principais foros internacionais do sector, reforzando a súa aposta polo transporte ferroviario como elemento clave para mellorar a competitividade empresarial, impulsar a sustentabilidade e consolidar Galicia como nodo estratéxico da loxística atlántica.
A demanda existe; o reto agora é transformar ese potencial en novos servizos ferroviarios que dean resposta ás necesidades actuais e futuras do tecido produtivo galego.