O pasado 28 de maio, a Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) foi o escenario do obradoiro “Impulso colaborativo do transporte sostible dos sectores tractores de Galicia”, unha iniciativa que reuniu empresas líderes, profesionais e alumnado para debater, compartir e cocrear solucións cara a unha loxística máis eficiente, dixital e respectuosa co medio ambiente.
A primeira parte do obradoiro contou coa participación de:
- Emiliano Barelli (Hijos de Rivera – Estrella Galicia), quen explicou como abordar os primeiros pasos na medición da pegada de carbono e compartiu un caso práctico da compañía.
- Pío Iglesias (AirCO2), que afondou no contexto normativo da descarbonización e nas oportunidades que ofrece ás empresas.
- Rubén Sendín (MOEVE ), que achegou claves sobre o potencial dos combustibles HVO e o seu papel na economía circular.
Tras unha pausa para o café networking, o bloque retomouse cun enfoque centrado en ferramentas prácticas:
- Pío Iglesias (AirCO2) presentou os resultados preliminares do Programa de Asesoramento ás empresas galegas en descarbonización.
- Sabrina Marmo (Kaleido Tech) presentou KARBON TRACK, unha solución para calcular a pegada de carbono da loxística externalizada.
- Ricard del Alcázar (Altia Control Tower) amosou un caso de éxito de integración de datos de emisións.
- Jorge Parada (Cargoffer) introduciu TRASCEND, unha ferramenta de intelixencia artificial para a optimización de rutas.
- Daniel Cerqueiro (Docuten) explicou as vantaxes da dixitalización do transporte a través do eCMR.
A parte final da mañá estivo dedicada a unha dinámica participativa baseada en metodoloxía design thinking, que permitiu ás persoas asistentes colaborar na xeración de propostas e conclusións prácticas arredor dos retos da loxística sostible.
A xornada rematou cun espazo de comida networking, favorecendo o intercambio de ideas e a creación de novas sinerxías entre empresas.
A colaboración como motor da transformación sostible
Este evento puxo de manifesto a importancia da colaboración público-privada, da dixitalización e da innovación como piares fundamentais para avanzar cara a un modelo de transporte e loxística máis sostible en Galicia.
Contou coa participación activa de profesionais de empresas punteiras, así como do alumnado e profesorado do centro de FP Liceo La Paz, demostrando o papel esencial da formación e do talento novo neste proceso de transformación.
*Esta actividade foi financiada a través das axudas aos Obradoiros Multidisciplinares de Dixitalización, Sustentabilidade e Loxística Avanzada do IGAPE (Xunta de Galicia).
