Onte tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) o III Encontro coa Rede de docentes da función loxística, unha xornada de traballo e reflexión conxunta que reuniu profesionais do ámbito educativo e representantes do Clúster co obxectivo de seguir fortalecendo a colaboración entre formación e empresa.
A apertura correu a cargo de Xoán Martínez, presidente do Clúster da función loxística de Galicia, quen destacou a importancia da rede e a disposición do Clúster para seguir colaborando e avanzando no traballo conxunto, axudando aos profesionais docentes no que poidan precisar.
Durante a primeira parte da sesión traballouse sobre o informe de seguimento do Plan de Acción da Rede de Docentes 2025-2026. Neste apartado déronse a coñecer os avances acadados nos últimos meses, facendo balance das accións desenvolvidas e presentando a nova Plataforma de Emprego Loxístico, unha ferramenta de emprego orientada a facilitar a conexión entre empresas do sector e persoas en procura de oportunidades laborais no ámbito da loxística, pero tamén para o alumnado que busca prácticas ou becas.
A xornada serviu tamén para identificar os principais atrancos detectados no desenvolvemento das iniciativas impulsadas ata o momento, así como para recoller a valoración da Comisión da Rede de docentes.
Un dos momentos principais do encontro foi o traballo participativo orientado á elaboración do próximo Plan de Acción 2026-2027. Os docentes participaron nunha dinámica organizada en tres grupos de traballo na que se abordaron cuestións clave como as actividades e formatos de maior utilidade para a comunidade educativa, novas propostas de colaboración e as prioridades estratéxicas da Rede de docentes para o próximo curso.
A sesión continuou cunha quenda aberta de intervencións e achegas por parte das persoas participantes, permitindo compartir experiencias, necesidades e novas ideas para seguir reforzando a conexión entre o ámbito educativo e o sector loxístico galego.
A clausura da xornada foi realizada por Mª Eugenia Pérez, Directora Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, quen puxo en valor o papel da formación profesional, destacando a relevancia de espazos de encontro como este para seguir colaborando e achegando as realidades formativas e empresariais.
Desde o Clúster agradecen especialmente a implicación e participación dos docentes e da Directora Xeral no encontro, convencidos de que a maneira de avanzar é co traballo conxunto, mantendo a colaboración entre todas as partes, co obxectivo común de seguir fortalecendo a formación e a empregabilidade no sector loxístico galego.