Galicia como referente de innovación no SIL Barcelona 2025 da man do Clúster

O Clúster da función loxística de Galicia consolidou a súa presenza internacional participando un ano máis no Salón Internacional da Loxística (SIL), celebrado do 18 ao 20 de xuño en Barcelona. Nesta edición, o Clúster puxo en valor a innovación e o talento empresarial galego, acompañado por varias empresas socias durante os tres días.

Como lembrou Iago Domínguez, xerente do Clúster: “Este mesmo ano, a revista Nature cualificou o noroeste peninsular como unha “nova zona de innovación loxística”, destacando o seu crecemento sostido e a súa evolución tecnolóxica no sector.”

Baixo o paraugas do Clúster, Altia, Cargoffer, Docuten, Elevate, Grupo TT e Visual Trans, foron parte do stand de Galicia. Ademais, Altia, Cargoffer, Docuten e Visual Trans, participaron no evento conxunto de “Galicia como tierra de innovación logística” o día 19, expoñendo solucións reais que xa están a transformar o sector: dende plataformas de trazabilidade e automatización documental ata aplicacións dixitais para a eficiencia operativa. Esta acción enmárcase na estratexia do Clúster de impulsar a internacionalización e visibilidade das empresas loxísticas galegas, tanto no eido tecnolóxico como no da prestación de servizos especializados.

Un stand con identidade galega e vocación global

O espazo do Clúster no SIL funcionou como punto de encontro para empresas, operadores e institucións interesadas en coñecer o potencial do ecosistema galego. Ao longo dos tres días da feira, mantivéronse múltiples reunións comerciais, presentáronse casos de éxito das empresas participantes e ampliouse a rede de contactos a nivel internacional.

O Clúster tamén participou en actividades paralelas relacionadas coa innovación loxística, a sustentabilidade e o talento, promovendo o diálogo sobre os retos comúns do sector e a capacidade de Galicia para abordalos desde unha perspectiva dixital e colaborativa.

Apoio conxunto para unha loxística transformadora

A participación no SIL 2025 contou co apoio da Xunta de Galicia a través do IGAPE, reforzando o compromiso institucional co desenvolvemento do sector loxístico como un eixo estratéxico para a economía galega.

Este tipo de accións reflicten o labor constante do Clúster para dar soporte ás súas empresas socias, facilitando a súa conexión con mercados internacionais e posicionándoas como actores relevantes na cadea de subministración global.

Seguimos avanzando

O éxito da presenza en SIL 2025 marca un novo fito no camiño do Clúster da función loxística de Galicia, que continuará promovendo a colaboración, a innovación e a excelencia como sinais de identidade da loxística galega.

Galicia estivo no SIL, e fixémolo con voz propia. Agora, toca seguir traballando para que cada vez máis empresas poidan ser referentes dentro e fóra das nosas fronteiras.

PROXECTO COFINANCIADO POLA UNIÓN EUROPEA