No Clúster da función loxística de Galicia pechamos o primeiro semestre de 2026 cun intenso programa de iniciativas orientadas a reforzar a competitividade do sector loxístico galego. Durante estes seis primeiros meses do ano centramos a nosa actividade en catro ámbitos estratéxicos: o impulso ao transporte ferroviario, a internacionalización das empresas, a atracción de talento e a adaptación do sector aos novos retos da dixitalización.
O ferrocarril, unha prioridade estratéxica
O transporte ferroviario de mercadorías seguirá marcando a nosa actividade durante o segundo semestre co lanzamento oficial, o vindeiro 21 de xullo, do proxecto europeo POCTEP Corredor Atlántico Noroeste. Esta iniciativa reunirá en Santiago de Compostela a administracións rexionais, asociacións e empresas de Galicia, Castela e León e da Rexión Norte de Portugal para presentar un proxecto que busca reforzar a conectividade ferroviaria do noroeste peninsular e impulsar un maior uso do ferrocarril como ferramenta para mellorar a competitividade empresarial.
Este proxecto da continuidade ao traballo que desenvolvemos durante a primeira metade do ano para situar o ferrocarril no centro do debate loxístico. Neste período organizamos un evento específico sobre transporte ferroviario no Salón Internacional da Loxística (SIL) de Barcelona, mantivemos un encontro coa Xunta de Galicia e co coordinador europeo do Corredor Atlántico e continuamos avanzando nos traballos relacionados co estudo da demanda ferroviaria en Galicia.
Apostamos pola internacionalización das empresas
Nun contexto marcado pola incerteza xeopolítica, os cambios regulatorios e a transformación das cadeas de subministración, a internacionalización continuou sendo unha das nosas principais liñas de traballo para apoiar as empresas galegas na súa apertura a novos mercados.
Durante este semestre participamos con stand propio en Empack and Logistics & Automation Porto e no Salón Internacional da Loxística (SIL) de Barcelona, facilitando ademais a presenza de empresas asociadas como coexpositoras. Tamén coordinamos a participación de empresas socias nunha misión comercial a Tánxer, mantivemos, xunto coa Xunta de Galicia, reunións co Porto de Miami e outras entidades desta cidade, e celebramos a quinta edición do Encontro de Loxística Internacional, xa consolidado como un foro de referencia para analizar o impacto do contexto internacional sobre o sector e compartir coñecemento e experiencias entre profesionais.
Así mesmo, promovemos reunións de colaboración coa multinacional chinesa SAIC para analizar as necesidades loxísticas asociadas ao seu proxecto industrial en Galicia e as oportunidades que este pode xerar para o sector.
Impulsamos o talento para responder ás necesidades do sector
A atracción e fidelización do talento continúa sendo un dos principais desafíos da loxística. Co obxectivo de contribuír a dar resposta a esta necesidade, impulsamos durante este semestre a Plataforma de Emprego Loxístico (talento.galicialogistics.com), unha nova ferramenta destinada a conectar empresas e profesionais e facilitar a incorporación de novos perfís ao sector.
Esta aposta reforzouse con novas accións xunto á Rede de Docentes de Formación Profesional, coa nosa participación en xornadas en centros educativos como o Liceo La Paz e o EFA Fonteboa, coa celebración do I Encontro Talento e Loxística, que reuniu máis de 600 participantes, e coa xestión do proceso de acreditación oficial de competencias profesionais de 50 traballadores de empresas asociadas.
Acompañamos ás empresas na súa transformación dixital
A adaptación aos novos requisitos normativos en materia de dixitalización foi outro dos eixes do noso traballo durante o semestre. Ante a próxima implantación de novas obrigas relacionadas coa documentación dixital do transporte de mercadorías, organizamos obradoiros e xornadas sobre dixitalización documental e sobre o Documento Electrónico de Control Administrativo (DeCA), ademais de elaborar unha guía práctica para facilitar a adaptación das empresas ao novo marco normativo.
Estas actuacións completáronse con actividades sobre excelencia operativa, continuidade de negocio e cálculo da pegada de carbono, orientadas a seguir mellorando a competitividade das nosas empresas asociadas.
Un semestre de intensa actividade
A actividade destes seis primeiros meses do ano completouse coa celebración da Asemblea Xeral das entidades socias, as reunións da nosa Xunta Directiva e unha intensa axenda de colaboración con administracións públicas, empresas e outros axentes do ecosistema loxístico.
Con este balance consolidamos un primeiro semestre marcado polo impulso de proxectos estratéxicos para fortalecer a competitividade do sector. O desenvolvemento do transporte ferroviario, a internacionalización, a atracción de talento e a transformación dixital seguirán centrando a nosa actividade durante a segunda metade do ano, co obxectivo de continuar posicionando Galicia como un referente loxístico no noroeste peninsular.
