Maio 7, 2026

Webinar: Cálculo da pegada de carbono, contexto lexislativo e boas prácticas

No marco dos Obradoiros Multidisciplinares de Dixitalización, financiados polo IGAPE, organízase este webinar centrado na aplicación práctica da medición da pegada de carbono en empresas do sector loxístico.

A sesión contará coa participación de AirCO2 e Eptisa, combinando unha aproximación práctica coa visión de contexto necesaria para entender a crecente relevancia desta medición.

Por unha banda, AirCO2 presentará o Manual de Medición da Pegada de Carbono, impulsado polo Clúster no marco do Grupo de Traballo de Sostibilidade e desenvolvido pola propia entidade, explicando como aplicalo nas empresas: que medir, que datos recompilar e como dar os primeiros pasos de maneira autónoma.

Por outra, Eptisa abordará o contexto normativo e de mercado que está a impulsar a medición da pegada de carbono, analizando como as esixencias en materia de emisións están a avanzar e comezan a trasladarse ao longo da cadea loxística, impactando tamén nas PEMEs.

Formulado desde un enfoque eminentemente práctico, o webinar está orientado a PEMEs e busca facilitar a aplicación real do manual no día a día empresarial, permitindo ás empresas avanzar de forma autónoma na medición da súa pegada de carbono e comprender o marco no que esta se está a converter nun elemento clave.

Ao longo da sesión, as persoas participantes poderán:

– Coñecer de forma clara e estruturada o contido do manual
– Identificar os datos necesarios e os primeiros pasos para aplicar a metodoloxía
– Entender como iniciar un autodiagnóstico da súa pegada de carbono
– Comprender como as esixencias normativas e de mercado afectan ao sector loxístico
– Resolver dúbidas prácticas sobre o proceso de medición

O obxectivo non é só dar a coñecer a ferramenta, senón capacitar ás empresas para a súa aplicación efectiva, facilitando a súa integración na xestión diaria e o avance nas súas estratexias de sustentabilidade.

Proxecto financiado a través das axudas aos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada do Igape – Instituto Galego de Promoción Económica, polo que non supón ningún custo para as persoas participantes.