Congalsa súmase ao Clúster para reforzar a representatividade da industria alimentaria galega

O Clúster segue medrando! Congalsa, empresa referente na fabricación de produtos alimentarios ultracongelados, uniuse á nosa entidade para reforzar a representatividade do sector alimentario dentro do ecosistema loxístico galego. Esta adhesión pon en valor a importancia estratéxica da loxística de frío, un eido no que Galicia se consolida como un referente indiscutible.

Unha empresa galega con pegada global
Congalsa, con sede en A Pobra do Caramiñal (A Coruña), leva décadas apostando pola calidade, a sustentabilidade e a eficiencia loxística. Distribúe os seus produtos en 36 países e xestiona unha complexa cadea de subministración que combina transporte mariño, terrestre e almacenamento en frío, elementos críticos para o seu modelo de negocio e que encaixan perfectamente cos obxectivos estratéxicos do Clúster.

Apostando pola loxística de futuro
A entrada de Congalsa reflicte o noso compromiso por seguir impulsando proxectos que melloren a competitividade da loxística galega. Entre os nosos obxectivos prioritarios atópanse o fomento do transporte intermodal, o incremento do uso do ferrocarril, o desenvolvemento de aparcadoiros seguros, a dixitalización e a captación de talento. Desafíos nos que Congalsa ten moito que achegar.

Sobre Congalsa
Fundada en 1990, Congalsa é unha das empresas galegas de referencia na produción de alimentos ultracongelados. Cun equipo de máis de 500 persoas e unha rede de distribución global, a compañía combina tradición e innovación para levar os seus produtos a mesas de todo o mundo. A sustentabilidade e a internacionalización son algúns dos piares que definen o seu crecemento e consolidación no mercado.

Desde o Clúster da función loxística de Galicia, damos a benvida a Congalsa e celebramos esta nova alianza que contribuirá a facer do sector loxístico galego un motor aínda máis forte para a economía da nosa comunidade.