No Clúster da función loxística de Galicia continuamos avanzando no noso calendario de actividades, tras un inicio de ano marcado por dous eventos de gran relevancia para o sector loxístico galego, celebrados durante o mes de xaneiro, e que tiveron unha excelente acollida por parte de empresas, profesionais e centros formativos.
Por un lado, no Encontro Talento e Loxística reunimos a máis de 600 estudantes de Formación Profesional, que tiveron a oportunidade de entrar en contacto directo con empresas do sector e achegarse ás necesidades reais do mercado laboral loxístico en Galicia. Esta iniciativa reforza o noso compromiso coa atracción e desenvolvemento de talento como eixe estratéxico para o futuro da loxística.
Por outro, no V Encontro de Loxística Internacional convertémonos de novo nun foro de referencia para analizar os retos e oportunidades da internacionalización, o comercio exterior e a cadea loxística global, nun contexto marcado pola incerteza xeopolítica e a necesidade de adaptación constante das empresas.
Tras estes dous encontros, entramos agora nun mes clave no ámbito da nosa organización interna e órganos de goberno, centrado no fortalecemento do traballo colaborativo e na definición das nosas liñas estratéxicas para os próximos dous anos.
Neste contexto, celebraremos este xoves 12 de febreiro unha reunión da Xunta Directiva, como paso previo á Asemblea Xeral de entidades socias, que terá lugar o 26 de febreiro e que se configura como un espazo fundamental de encontro, diálogo e toma de decisións compartidas.
A Asemblea Xeral constituirá un momento clave para definir de forma colectiva o noso plan de acción 2026-2027, establecendo prioridades compartidas e transformando o coñecemento, a experiencia e as capacidades de empresas, entidades e axentes do ecosistema loxístico galego en accións concretas que impulsen o crecemento, a innovación e a competitividade de todo o sector.
Seguimos traballando en equipo, baseándonos na cooperación e na suma de capacidades, promovendo unha visión común que nos permita afrontar de maneira coordinada os retos presentes e futuros da loxística en Galicia.
Para máis info sobre a Asemblea e inscricións preme aquí: