A Xunta de Galicia organizou onte o acto de sinatura de convenios de colaboración para a formación adaptada ao emprego, unha iniciativa que conta cun investimento de 7,5 millóns de euros para desenvolver preto de 500 microformacións en sectores estratéxicos, beneficiando a máis de 17.000 persoas en toda Galicia.
Durante a mesa redonda, a nosa vicepresidenta, Christina Martínez, destacou o impacto do programa formativo no fortalecemento da empregabilidade e na innovación no sector loxístico, subliñando a importancia de adaptar as capacidades profesionais ás necesidades dun mercado laboral en constante evolución.
Posteriormente, o noso presidente, Xoán Martínez, formalizou a sinatura do convenio reforzando o noso compromiso co desenvolvemento do tecido empresarial galego a través de iniciativas formativas adaptadas.
Este programa de formación especializada está a demostrar resultados moi positivos. Grazas á colaboración público-privada, tanto empresas como alumnado accederon gratuitamente a cursos deseñados especificamente para cubrir necesidades críticas na función loxística, como a carencia de conductores no transporte pesado de mercadorías. Ata o momento, máis de 1.000 persoas recibiron formación a través destes proxectos. A formación ofrecida na Galicia Logistics Academy permite combinar formación presencial e teleformación en competencias avanzadas como intelixencia artificial ou planificación de rutas, incrementando a oferta laboral especializada e contribuíndo á modernización da loxística.