Abrimos unha liña de traballo co Concello de Ourense para tratar temas da distribución urbana de mercadorías

Onte, nunha reunión co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia, Apetamcor e a Confederación de Empresarios de Ourense, acadáronse importantes avances para optimizar a distribución urbana de mercadorías na cidade.

Entre as medidas acordadas destaca a flexibilización dos horarios e accesos para a carga e descarga no casco histórico, atendendo ás necesidades do sector HORECA e doutros negocios locais. O alcalde anunciou que o reparto podería ampliarse ata as 12.00 horas e que se estudará habilitar zonas próximas ao casco histórico para facilitar a distribución a pé noutras franxas horarias. Estas modificacións serán incluídas nunha nova ordenanza de tráfico, na que o Concello comprometeuse a contar coas achegas do Clúster.

Ademais, sobre a implantación dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), o Concello indicou que non tomará medidas ata que se esclarezan as cuestións legais que afectan outras cidades.

Desde o Clúster, destacamos a importancia de establecer unha liña de traballo estable co Concello para tratar os asuntos relacionados coa distribución urbana de mercadorías, garantindo un contacto técnico frecuente e a implicación no proceso de redacción da nova ordenanza. Estas medidas son un paso fundamental para garantir unha loxística urbana eficiente e sostible.

O noso xerente agradeceu en persoa ao Concello a súa disposición para traballar de forma conxunta en solucións que favorezan a competitividade e a sustentabilidade do tecido empresarial local.