A Xunta Directiva reforza a súa aposta pola formación e a xestión do talento e destaca os avances nos proxectos clave

Esta mesma semana, na última reunión da Xunta Directiva do Clúster da función loxística de Galicia, destacouse a importancia da formación e a xestión do talento como elementos clave do noso sector. Neste sentido, revisáronse os logros acadados no proxecto Galicia Logistics Academy a través do convenio coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que permitiu organizar 30 accións formativas no primeiro semestre do ano, capacitando a máis de 800 alumnos. Estos resultados, unidos aos logrados co convenio de 2023, executado entre outubro e novembro do ano pasado, suman máis de 1.000 profesionais formados a través do Clúster en menos dun ano.

Na reunión abordáronse tamén outros temas de gran relevancia, como os avances no transporte ferroviario de mercadorías, o desenvolvemento de solo industrial, a distribución de última milla, o apoio a medidas para a sostibilidade das PEMES, e a internacionalización e mellora da conectividade de Galicia, entre outros.

En consonancia co noso compromiso por seguir fortalecendo as competencias do sector, o próximo 25 de setembro participaremos en dúas mesas de traballo centradas na xestión do talento e a formación. Unha convocada directamente pola Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, na que participaremos xunto con varias das nosas empresas socias, e outra convocada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, tamén a través dunha iniciativa da propia Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Participacións que subliñan a nosa intención de colaborar estreitamente para seguir impulsando o crecemento do capital humano no sector loxístico.

Nesta mesma liña, estamos a traballar xa no novo programa formativo para os próximos meses, ademáis de organizar o encontro coa Rede de docentes da función loxística e as xornadas sobre ferrocarril e loxística internacional que conformarán o Outono Loxístico. Persistimos nos nosos esforzos para ofrecer ferramentas e oportunidades que impulsen o talento dos profesionais e empresas do sector, axudándolles a afrontar de maneira efectiva os desafíos presentes e futuros.

Tamén cómpre salientar que dende o Clúster estaremos presentes con stand propio na Feira Internacional de Conxemar (Vigo) promocionando a capacidade loxística de frío de Galicia como gran referente da Península Ibérica. Organizaremos, por terceiro ano consecutivo, o Encontro da loxística de frío no espazo Platea do IFEVI o xoves 3 de outubro, evento que o ano pasado logrou reunir a 120 profesionais da loxística.

Sen dúbida, con todos os avances e accións realizadas e previstas, reafírmase o noso compromiso co desenvolvemento continuo do sector e co traballo constante para que a loxística galega creza en tamaño e competitividade e sexa panca clave no desenvolvemento económico de Galicia.