A nova plataforma https://academy.galicialogistics.com/ ofrece formación online gratuíta e exclusiva para as empresas socias.
Desde o Clúster da función loxística de Galicia poñemos en marcha o Campus de Formación Permanente, unha iniciativa destinada a facilitar a formación continua dos profesionais do sector loxístico galego. A plataforma xa está operativa e conta cos primeiros alumnos matriculados.
O novo campus ofrece ás empresas socias acceso gratuíto a cursos online que permiten mellorar as competencias dos seus equipos de maneira flexible e adaptada ás necesidades de cada organización. Ademais, non hai límite no número de alumnos e alumnas que pode inscribir cada empresa.
Nesta primeira fase, a oferta formativa abrangue tres ámbitos estratéxicos: Intraloxística e xestión de almacéns, Loxística e transporte internacional e Sostibilidade na cadea de subministración. Os cursos teñen unha duración de 20 horas e poden realizarse ao ritmo de cada participante.
O proceso de inscrición centralízase no Clúster, que xestiona as matrículas a partir dos datos facilitados polas empresas. Unha vez completado o rexistro, cada participante recibe por correo electrónico as credenciais de acceso á plataforma.
Para obter o certificado de realización, é necesario superar os tests de avaliación e completar, como mínimo, o 80 % do tempo de conexión establecido.
A oferta formativa irá ampliándose progresivamente con novos cursos e contidos, co obxectivo de dar resposta ás necesidades cambiantes das empresas socias e incorporar novas áreas de coñecemento relevantes para o sector loxístico galego.
Con esta iniciativa, desde o Clúster reforzamos o noso compromiso coa capacitación dos profesionais, a mellora das competencias e a competitividade das empresas socias, poñendo á súa disposición recursos formativos accesibles e adaptados aos retos actuais da actividade loxística.
As empresas socias interesadas en participar poden contactar co Clúster para inscribir os seus equipos e seleccionar os cursos que mellor respondan ás súas necesidades.
